27/04/12

O BNG solicita que a poboación do Val Miñor sexa adscrita ao Novo Hospital en construción

Reclama tamén a exposición pública de toda a información referida ao Novo Hospital

O Bloque Nacionalista Galego, a través da presentación de mocións nos tres concellos miñoráns, reclama á Xunta de Galiza o carácter público do Novo Hospital, así como que este sexa o hospital de referencia de toda a área sanitaria.

Ademais da polémica ao respecto do modelo construtivo, os nacionalistas manifestan a súa preocupación pola adscrición da poboación de Nigrán, Baiona e Gondomar ao novo centro hospitalario, xa que entenden que "esta non está garantida en absoluto".

Nese senso lembran que os responsables sanitarios" teñen falado da liberdade de elección cando o Hospital estea en funcionamento, pero sen que isto figure en ningún sitio".

Alegan que ditas declaracións de intencións, choca coa insuficiente capacidade do novo centro, "unha vez que sufriu a diminución do número de camas e as dimensións do edificio, así como cos anuncios de ampliación do actual hospital de referencia, Povisa".

Agregan que aínda que de xeito formal se permitise a elección, "esta, con total seguridade, quedará limitada a unha serie de prestacións ou especialidades, reservándose outras como poden ser queimados, determinadas ciruxías, etc., para manter o actual concerto co centro privado".

Todo isto determinaría ao entender do BNG que a poboación do Val Miñor seguirá adscrita a Povisa para un bo número de doenzas," e retrata a falacia da liberdade de elección".

Finalmente o BNG rexeita as mocións presentadas polo Partido Popular na área sanitaria de Vigo, "enmarcadas na campaña dos alcaldes do PP na defensa do modelo de Financiación Privada de Inversións (PFI), que incrementa o custe en 1.500 millóns de euros, e na guerra entre o Partido Popular e Abel Caballero".

Por iso os nacionalistas insisten na exposición pública do novo proxecto de execución que se está a construír, así como os recursos dispoñíbeis para facer fronte á obra.



A nova nos medios:

21/04/12

O BNG de Gondomar renova o seu Consello local

A asemblea de militantes do BNG de Gondomar elixiu por unanimidade a Álvaro Lores novo responsábel local de Gondomar


O BNG realizou onte unha asemblea extraordinaria para elixir o novo consello local, rematando así o proceso de renovación de organismos iniciado coa XIII Asemblea Nacional.

Esta mañá foi presentado en roda de prensa este novo Consello local. No acto participaron Carme Adán, membro da Executiva nacional do BNG e parlamentaria, Henrique Viéitez, parlamentario do BNG, Xesus López Carreira, vicerresponsábel comarcal do BNG de Vigo e Manuela Rodríguez Pumar, responsábel comarcal do BNG de Vigo, que expresaron o seu apoio á organización local.

Na reunión celebrada onte, a asemblea de militantes elixiu por unanimidade a Álvaro Lores Frade como novo responsábel local. Álvaro Lores leva décadas militando no BNG de Gondomar e participa activamente nos movementos sociais, Comunidade de Montes e Ampas, onde desenvolve o seu labor desde hai varios anos. Xunto a Álvaro Lores terán responsabilidades no novo Consello local, Marta Dacosta, vicerrresponsábel, Bieito A. Lobariñas, organización e Ana Bringas, finanzas.

A asemblea local de Gondomar mantén un capital de militantes importante, militantes que onte manifestaron sentirse ilusionados con esta nova etapa e dispostos a colaborar activamente para que o BNG siga sendo en Gondomar unha organización cun peso importante. Isto será así porque o BNG de Gondomar segue a contar cunha base social extensa que xa trasladou durante estes días os seu apoio á organización.

As e os militantes de Gondomar valoraron onte na asemblea local o feito de que os concelleiros escindidos se apropien das actas que soamente corresponden ao BNG, sinalando que esta usurpación non é ética nin lexítima e priva ao BNG da representación municipal que obtivo.

O BNG de Gondomar puxo en marcha un calendario de traballo que irá perfilando ao longo dos vindeiros días. O BNG en Gondomar segue activo e conectado coa sociedade, estando presente alí onde se tratan os temas que máis preocupan á cidadanía, como se comprobou no acto sobre as preferentes, celebrado o pasado día 13 de abril, ou mediante a participación na Plataforma en defensa da Sanidade en Gondomar. A privación da representación municipal non vai impedir que o BNG realice ese traballo político pegado á cidadanía para dar resposta aos problemas de Gondomar e da sociedade galega.








A nova nos medios:

16/04/12

O BNG asesora aos afectados polas preferentes no Val Miñor

O BNG realizou o pasado venres un acto comarcal no Val Miñor para explicar a problemática dos produtos financeiros tóxicos, especialmente as participacións preferentes, unha situación que afecta a miles de galegos e, entre eles, a moitos veciños da comarca. 

A reunión realizouse na Casa de Cultura de Gondomar e a ela acudiron unhas 80 persoas afectadas. O acto foi presentado pola responsáble comarcal do BNG, Manuela Rodríguez Pumar, e contou coa intervención do deputado do BNG no Parlamento galego Henrique Viéitez, quen explicou cales eran os produtos tóxicos que Caixas e entidades bancarias, nomeadamente o actualmente denominado Nova Galicia Banco, ofreceron de xeito aos seus clientes. Xunto con Manuela Rodríguez Pumar e Henrique Viéitez, presidiron o acto o portavoz municipal do BNG en Nigrán, Xabier Rodríguez, e o responsable local do BNG en Baiona, Xosé Manuel Marcote.

Henrique Viéitez denunciou que 'estamos ante a maior estafa económica da historia de Galicia con máis de 100.000 galegas afectados e máis de 900 millóns de euros estafados, roubados' e engadiu que este problema 'pode resolverse se hai vontade política, da Xunta e o seu presidente'. Viéitez explicou que 'esta monumental estafa produciuse ao abeiro da neglixencia das autoridades públicas que visan o sector financeiro (nomeadamente o Banco de España)'.

Viéitez manifestou que o BNG vai continuar a defender os 'lexítimos' intereses dos miles de familias galegas estafadas, non só nos foros parlamentarios, senón na interlocución social directa. Neste sentido, o deputado declarou que o BNG apoiará aos afectados nas mobilizacións que emprendan para reclamar o seu dereito a recuperar os seus aforros, resultado de toda unha vida de traballo ou mesmo de indemnizacións por despedimento. 





A nova nos medios: