31/05/12

O BNG quere que a Igrexa pague o seu IBI

O BNG presentou no rexistro do Concello de Gondomar unha proposta de moción esixindo que se traslade ao Goberno do Estado que realice as xestións necesarias para suprimir un privilexio da Igrexa Católica como é a exención de IBI para o seu patrimonio


En función dos acordos subscritos entre o Estado español e a Santa Sede en 1976 e 1979, a Igrexa Católica conserva varios privilexios, impropios dun Estado que se declara aconfesional. Parte destes privilexios son de carácter económico, o que supón que a Igrexa Católica goce dun financiamento e condicións económicas excepcionais: financiamento directo mediante o IRPF e exención do pago de varios impostos, entre eles, o IBI por todos os bens inmóbeis que posúe.

Na situación actual de grave crise económica, cunhas consecuencias que están a repercutir en toda a poboación, que sofre recortes laborais, sociais e económicos, e que debe cumprir coas súas obrigas tributarias, resulta incomprensíbel -tendo en conta ademais a delicada situación financeira no ámbito local- que a Igrexa Católica teña o privilexio de non tributar aos concellos polo seu enorme patrimonio, ao tempo que percibe financiamento directo e subvencións para a conservación e mantemento dos seus fondos patrimoniais. Nun informe de 2010, a Dirección Xeral do Catastro daba cifras do patrimonio estritamente relixioso da Igrexa católica en Galiza: 7.691 inmóbeis e un valor catastral de 426 millóns, cantidade que non repercute nos orzamentos municipais.

O BNG ten demandado en numerosas ocasións a necesidade de acometer unha reforma fiscal que acentúe o carácter progresivo do sistema, de xeito que se incremente a equidade e a xustiza do mesmo, ao tempo que permita incrementar os ingresos públicos, gravando con maior progresividade as rendas de capital ou os grandes beneficios empresariais, así como a creación dun imposto sobre as grandes fortunas. Ademais, o BNG vén reclamando dende fai tempo tanto a revisión dos Acordos coa Santa Sede como, nomeadamente, a supresión da exención do pago do IBI por parte da Igrexa.

Por estes motivos o BNG de Gondomar presentou por medio do rexistro unha moción dirixida a propor ao Goberno do Estado que realice as xestións necesarias para acadar a supresión desta exención e para que, mentres se negocia esta modificación, se estude un mecanismo de compensación para os Concellos. Na moción tamén se reclama instar ao Parlamento e á Xunta de Galiza a que asuman esta mesma demanda e se insta ao Goberno municipal a realizar un censo municipal dos inmóbeis pertencentes á Igrexa Católica e a outras confesións relixiosas.

O BNG de Gondomar agarda que o Pleno do Concello teña en conta esta proposta e a inclúa na orde do día do seguinte pleno, agardando que sexa aprobada, pois esta moción do BNG recolle o sentimento dunha maioría das veciñas e veciños de Gondomar.

29/05/12

Charla do BNG en Borreiros sobre a Lei de Montes e as fumigacións

O deputado do BNG no Parlamento galego, Henrique Viéitez, e o presidente da Organización Galega de Montes, Xosé Alfredo Pereira, falarán no Centro Cultural de Borreiros do borrador da Lei de Montes e a proposta de fumigacións das empresas papeleiras


O BNG realizará este venres 1 de xuño ás 20:30 no Centro Cultural de Borreiros, un acto comarcal do Val Miñor para explicar o borrador da Lei de Montes e a proposta de fumigacións das empresas papeleiras.

No acto intervirán o presidente da Organización Galega de Montes en Man Común, Xosé Alfredo Pereira, e o deputado do BNG no Parlamento galego, Henrique Viéitez.

O BNG explicará que a proposta de borrador presentada pola Consellaría de Medio Rural non recoñece a titularidade comunitaria dos montes veciñais, catalogación recoñecida polo Gabinete xurídico da Consellaría e do Parlamento no seu día. A propiedade comunitaria é un sistema de xestión do monte que se remonta varios séculos atrás, tendo os seus inicios no dereito xermánico. É característica de Galiza e o norte de Portugal, onde está recoñecida na propia Constitución da República.

Ademais o proxecto de lei do PP non dá resposta aos problemas estruturais e aumenta a desprotección fronte aos lumes. O borrador presentado polo goberno non introduce melloras na actual situación de falta de ordenación e proliferación de especies pirófitas. O único obxectivo desta Lei de Montes elaborada polo goberno do PP é o desmantelamento da Lei de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galiza promovida polo BNG dende o anterior goberno da Xunta.

Neste sentido o BNG expresará o seu apoio á manifestación convocada pola Organización Galega de Montes en Man Común prevista para o día 9 de xuño.

Canto á proposta de fumigacións das empresas papeleiras, o BNG explicará as consecuencias de medidas tan agresivas coma esta e cales son os requisitos que as empresas deben acreditar. O BNG promoverá entre os comuneiros que non autoricen estas fumigacións nas súas propiedades, polas súas nefastas consecuencias sobre a saúde dos seres vivos. A industria papeleira pretende fumigar moitas zonas do país con Flufenoxuron, un produto tóxico para insectos e ácaros, de degradación lenta e que se acumula en diferentes organismos acuáticos. A Unión Europea, o 9 de febreiro de 2012, ordenou que produtos con ese compoñente deixen de comercializarse a partir do 1 de agosto de 2012, por mor da súa toxicidade e por ser biocaumulábel.




A nova nos medios:

26/05/12

Conversa co BNG en Morgadáns

O BNG de Gondomar presenta o seu Consello Local en Morgadáns


Co título de Conversa co BNG o luns día 28, ás 21 horas nas Escolas de Guillufe terá lugar o encontro coa veciñanza da parroquia de Morgadáns. Neste encontro será presentado o novo Consello Local integrado por Álvaro Lores, responsábel local, Marta Dacosta, vicerrresponsábel local, Bieito A. Lobariñas, responsábel de organización e Ana Bringas, responsábel de finanzas.

O BNG valora moi positivamente os encontros xa realizados, nos que as veciñas e os veciños se interesan pola actividade que está a desenvolver a organización e trasladan as súas preocupacións sobre a situación política de Gondomar e tamén propostas de actuación local. Son encontros distendidos nos que o diálogo é o elemento central.

O BNG de Gondomar convida a todas e a todos a que acudan a estes encontros, en que o BNG quere escoitar e recoller as preocupacións da veciñanza.


A nova nos medios:


21/05/12

Charla-coloquio da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Val Miñor

Este venres 25 de maio ás 19:30, na Casa da Cultura de Gondomar, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Val Miñor, organiza unha charla-coloquio sobre Que esta a pasar coa Sanidade Pública.

Trátase dun tema de urxente actualidade debido ás modificacións que na sanidade introduce o Real Decreto publicado polo goberno do Estado co obxectivo de reducir a inversión en 7000 millóns de euros. Por esta vía, e coa escusa da crise, o PP vai modificar o modelo sanitario e incrementar o copago, que recaerá xustamente nas persoas que máis precisan da sanidade pública.

Por outro lado, no Val Miñor e, en concreto en Gondomar, existe o problema engadido de estarmos obrigados a acudir ao hospital privado de Povisa, situación que se manterá, malia a construción do novo hospital en Valadares. Este feito xa foi denunciado polo BNG que presentou mocións en todos os concellos da comarca reclamando que a poboación miñorana sexa atendida no novo hospital.

No acto do día 25 en Gondomar, van participar:

- Vicente Lobato Falagan, membro da Plataforma Val Miñor
- María Tato Fontaíña, Xefa Unidade de Atención Primaria de Gondomar
- Xose Mª Sánchez Pena, membro da Plataforma de Cangas
- Manuel Martín García, Portavoz de SOS Sanidade Pública
- Manuel González Moreira, Médico de Atención Primaria, Voceiro da Plataforma de Vigo

Ao rematar as intervencións das persoas convidadas pola Plataforma iniciarase un coloquio.

O BNG de Gondomar, entidade integrante da xestora da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Val Miñor, fai un chamamento ás veciñas e veciños de Gondomar para que acudan e participen nesta charla-coloquio, tendo coñecemento directo de cales son as modificacións, cales son as súas consecuencias e que podemos facer para combatelas.

O BNG de Gondomar convida a adherirse á Plataforma a todas as persoas e entidades que o desexen, enviando unha mensaxe de adhesión á conta de correo: pdsp.valminhor@gmail.com

18/05/12

Conversa co BNG en Vilaza e en Borreiros

O BNG de Gondomar presenta o seu Consello Local en Vilaza e Borreiros


O BNG de Gondomar vai celebrar esta semana dous novos encontros coas veciñas e os veciños, desta volta nas parroquias de Vilaza e Borreiros.

Co título de Conversa co BNG terán lugar dous encontros coa veciñanza das parroquias de Vilaza e Borreiros o próximo luns e mércores, respectivamente. Nestes encontros será presentado o novo Consello Local integrado por Álvaro Lores, responsábel local, Marta Dacosta, vicerrresponsábel local, Bieito A. Lobariñas, responsábel de organización e Ana Bringas, responsábel de finanzas.

A primeira Conversa será o luns 21 de maio ás 20:30 horas no Centro Cultural de Vilaza.

O mércores 23, desta vez ás 21 horas, terá lugar o encontro cos veciños e veciñas de Borreiros no Centro Cultural desta parroquia.

O BNG de Gondomar convida a todas e a todos a que acudan a estes encontros, en que o BNG quere ademais escoitar e recoller as preocupacións da veciñanza.

Maré polo galego en Compostela

Milleiros de persoas secundan a convocatoria de Queremos Galego contra os ataques ao idioma do País


Máis de 25.000 persoas, segundo os convocantes, encheron as rúas de Compostela para rexeitar os ataques ao galego e reivindicar o dereito a vivirmos na lingua propia da Galiza.

Compostela foi neste día a gran barca de pedra na que embarcaron milleiros e milleiros de persoas para, secundando a convocatoria de Queremos Galego, facer frente aos ataques ao idioma e reivindicar o dereito a vivirmos plenamente na língua do País. Non só a Praza da Quintana, punto final da manifestación, ficou pequena para acoller a maré de xente que acudiu á capital da Galiza para, no Día das Letras Galegas, deixar ben claro que o idioma segue vivo. Tampouco na Alameda e contorna (Porta Faxeira), punto de partida, non collía unha agulla. Millares de persoas (unhas 25.000 segundo a organización) procedentes de todos os recantos do País quixeron estar presentes en Compostela para amosar que hai un pobo que non vai permitir máis agresións contra o seu idioma. A cidade rebordou de paixón polo galego.




E nós estivemos aí!

Foto de Cruz Martínez


Fonte: http://www.sermosgaliza.com/artigo/galiza/mare-polo-galego-en-compostela/20120517162341001336.html

16/05/12

Paremos os ataques contra o galego

Manifestación nacional pola lingua que nos une:  17 de maio 2012, ás 12 h. na Alameda de Santiago de Compostela


Manifesto: VOARES DE ESPERANZA
Agustín Fernández Paz

Don Ramón Otero Pedraio, para loar o labor entusiasta da imprenta de Ánxel Casal e de María Miramontes, chamoulle a aquel obradoiro «pombeiro de voares de esperanza». Pombeiro de voares de esperanza!  A frase era o tal, pois desde alí botaban a voar os libros que recollían o mellor do pensamento e da creación en galego. Aqueles non eran tempos doados, mais os azos dos homes e mulleres das Irmandades da Fala foron enchendo de luz as vilas e cidades de Galiza e conseguiron facer visible socialmente a lingua de nós.

Nesas persoas están as nosas raíces, somos elos dunha cadea que vén de lonxe. Rosalía de Castro e tanta outra xente que traballou pola recuperación e o prestixio da lingua e da cultura conforman o ADN onde nos debemos recoñecer. Un ADN que ten algúns tramos da dobre hélice especialmente fértiles, coma o das Irmandades, semente das ideas que hoxe constitúen a nosa cerna: Galiza, célula de universalidade. A vontade de sermos unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas.

Non foron fáciles as épocas pasadas e tampouco non o son os tempos que nos toca vivir. Non é preciso reiterarmos aquí as agresións destes últimos anos, cunha boa parte das elites políticas, financeiras e mediáticas obsesionadas por esborrallar os avances que traballosamente foramos acadando. O seu obxectivo: facer do galego unha lingua socialmente invisible, que permaneza recluída no gueto e non acade un uso normalizado. Que o castelán sexa a lingua por defecto e o galego, a rareza, a lingua oculta. Tratala coma un bonsai ao que cómpre retallarlle as pólas que se obstinan en medrar máis do permitido.

Que ilusos! Non coñecen as palabras do sociolingüista Colin Baker: «A substitución dunha lingua non é un proceso evolutivo natural. Alí onde a xente está determinada a manter viva unha lingua, parece imposible destruíla.» Non saben que as agresións nos fan máis fortes, que nos impulsan a ampliar o tamaño da nosa esperanza, que medra en nós a vontade de construírmos espazos de encontro e mais de unión.

Na súa novela 1984, George Orwell describe unha sociedade oprimida por unha minoría, onde a neolingua é o instrumento utilizado para construír a realidade deformada que lle interesa ao poder: baléiranse de significado as vellas palabras e énchense con outros que mellor conveñan. Como non lembrar a Orwell cando vemos como se retorce o significado de palabras como imposición, liberdade, bilingüe, normalización ou, ultimamente, plurilingüe? Do mesmo xeito que a Policía do Pensamento obrigaba o protagonista da distopía de Orwell a aceptar que 2 + 2 = 5, a quen controlan os fíos do poder válelles todo para ofreceren unha falsa visión da realidade.

Contra as mentiras, non cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel. Tamén é das persoas que chegan a Galiza desde calquera lugar do mundo, empuxadas polo desexo dunha vida mellor, e deciden quedar aquí. E tamén, xaora, de tanta xente que ten na nosa terra as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante, pois nós fomos –aínda o somos, e ben que nos doe- un país de emigración.

Do mesmo xeito que unha planta precisa dunhas condicións ambientais determinadas para medrar, tamén as necesita unha lingua que se encontre nunha situación minorizada, como lle ocorre ao galego. Por iso urxe crear as medidas precisas facer realidade un "nicho ecolóxico" favorable á lingua. Unhas medidas nas que nunca deben faltar dúas constantes: o exemplo práctico de que o galego é útil en calquera ámbito e para todas as funcións e a vontade de crear actitudes positivas cara á lingua. Para que na sociedade non haxa cidadáns de primeira e de segunda, deben crearse as condicións para que se poida vivir en galego con normalidade. Cousa que hoxe non ocorre, como constatamos día tras día.

Como ten reiterado Xabier DoCampo, «nós non mentimos». Imos sempre coa verdade por diante, conscientes da xustiza das nosas ideas e propostas. Con alegría, desmontando na práctica os insidiosos prexuízos que outros sementan na sociedade e nas familias, impulsando actividades que fagan posible vivir en galego. Porque amamos e defendemos a pluralidade lingüística, xaora que si, mais non a costa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado.

Somos conscientes do labor que nos agarda. Mais tamén sabemos que paga a pena empregar todas as nosas enerxías nel, e que non hai lugar para o desánimo. Como escribiu Bertolt Brecht, nos anos da longa noite de pedra que asolagaba Europa: «Quen aínda estea vivo non diga “xamais”. / De quen depende que siga a opresión? De nós. / De quen que remate? De nós tamén. / Pois os vencidos de hoxe son os vencedores de mañá / e o xamais convértese en hoxe mesmo.»

Todas as persoas que amamos o galego temos que erguer un pombal no noso interior, un pombal do que xurdan os voares de esperanza que encherán de vida os ceos da patria da lingua que nos une.

Máis información: http://www.queremosgalego.org/

14/05/12

Conversa co BNG en Couso

O BNG de Gondomar presenta o seu Consello Local en Couso


O BNG de Gondomar celebra este martes 15 de maio un encontro coas veciñas e os veciños de Couso para presentar o seu novo Consello Local.

Co título de Conversa co BNG,  terá lugar este martes ás 20:30 horas, na Casa Veciñal de Couso, un encontro coa veciñanza desta parroquia para presentar o novo Consello Local do BNG de Gondomar, integrado por Álvaro Lores, responsábel local, Marta Dacosta, vicerrresponsábel local, Bieito A. Lobariñas, responsábel de organización e Ana Bringas, responsábel de finanzas.

O BNG de Gondomar convida a todas e a todos a que acudan a este encontro, no que o BNG quere ademais escoitar e recoller as preocupacións da veciñanza.

Éxito da convención nacional do BNG

Máis de 2.000 persoas fixeron pequeno o Palacio de Congresos esta mañá en Santiago de Compostela nunha Convención Nacional en que a militancia do BNG aclamou ao candidato á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera.

A Convención, afirmou Jorquera na súa vibrante e emotiva intervención, relanza o proxecto do BNG "para liderar a alternativa ao PP". "Desta Convención sae un BNG plural e diverso, pero tamén máis forte e máis unido". Un BNG que, enfatizou, "vai ser o motor do cambio, un cambio que queremos construír co pobo, formando un bloque coa sociedade galega".

Jorquera fixo un discurso de goberno, esbozando as liñas básicas que despregaría un Goberno do Bloque Nacionalista Galego: 
  • Defensa, desenvolvemento e exercicio pleno das actuais competencias.
  • Participación directa de Galiza en Europa en todos os asuntos que afecten as súas competencias ou intereses vitais.
  • Supresión da Administración periférica do Estado, das delegacións e subdelegacións de Goberno, de xeito que a Administración galega actúe como a Administración única no seu territorio.
  • Supresión das Deputacións provinciais.
  • Reforma dos medios de comunicación públicos para que sexan verdadeiramente públicos e non gobernamentais.
  • Creación dunha Banca Pública Galega.
  • Substitución do actual sistema de financiamento por un modelo de concerto económico que asegure a plena autonomía fiscal de Galiza. 
A Convención foi un grande éxito de asistencia e participación, e serviu para afortalar o BNG como o motor do cambio que Galiza precisa.

E nós estivemos aí!


13/05/12

O BNG defende o uso do galego no ámbito funerario

O PP vota contra a proposición de Lobeira de incorporar o galego ás cerimonias da morte


A dereita non apoia unha proposición non de lei presentada no Parlamento galego polo BNG para incorporar a lingua propia do país aos ritos relacionados cos falecementos

O BNG presentou unha proposición non de lei sobre a incorporación do galego nos actos, cerimonias e funcións vinculadas á morte. Por boca do deputado Bieito Lobeira, as e os nacionalistas defenderon que o proceso da morte representa "o mellor exemplo" da situación conflitiva en Galiza en relación co seu idioma propio, pois se unha persoa galegofalante finar, o seu certificado de defunción está escrito en español, a esquela e as necrolóxicas tamén, e o rito relixioso e a lápida tamén.

Durante o Goberno bipartito, a Secretaría Xeral de Política Lingüística  programou un concurso de epitafios en lingua galega enmarcado na campaña En galego tes todo por dicir, para promover a lingua entre a mocidade e as novas tecnoloxías. Máis de 500 persoas fixeron as súas achegas a través da páxina web habilitada daquela para tal efecto, e nelas primaba o humor, a orixinalidade e unha peculiar visión da morte presente na tradición galega.

A idea de garantir unha morte 'en galego' volta a estar sobre a mesa. A respecto do acontecido no Parlamento, Lobeira sostén que "a diglosia política" que amosou o PP ao votar en contra da súa proposición "é análoga ao conflito lingüístico", e engadiu que "unha cousa é o idioma oral e outra moi diferente o oficial ou o do mundo dos ritos".

Na mesma comisión, o parlamentario nacionalista denunciou a imposibilidade de garantir un casamento en galego nun xulgado de Vigo, sendo necesaria a asistencia dun ou dunha intérprete. "Non é a primeira vez que a maxistrada se nega a usar a nosa lingua; é un despropósito, e unha evidencia da discriminación contra o idioma propio".



Fonte: http://www.sermosgaliza.com/artigo/lingua/o-pp-rexeita-unha-morte-en-galego/20120504181859000876.html

12/05/12

O BNG presenta a súa nova web

Unha nova web para un tempo de alternativas


A deputada do BNG e secretaria de comunicación da Executiva Nacional, Carme Adán, presentou hoxe en Santiago de Compostela a nova web do BNG.

Carme Adán salientou que “se trata dunha web moi visual coa que queremos presentarnos diante da sociedade galega como unha organización que leva moitos anos traballando por este país e todo gracias a moita xente, que de xeito anónimo e desinteresado, foi construíndo esta organización”.

Neste sentido, a web ten como cabezallo unha galería fotográfica na que se recollen os distintos momentos nos que un grafiteiro debuxa nun muro o logo do BNG. “Un logo grafiteado na rúa, onde está a xente, e coa que está o compromiso do BNG”, subliñou.

Ademais, Carme Adán subliñou que “queremos tamén que sexa un portal de encontro de debate de ideas, e nese sentido temos apartados de opinión”. Tamén se recollen os documentos do BNG, como programas eleitorais, teses..etc e inclúese un apartado para unirse ao BNG.

Nuns meses a nova web tamén estará disponíbel para as comarcas do BNG e cidades e cara ao mes de setembro está prevista unha intranet, para que as persoas que forman parte das diferentes comisións de traballo do BNG poidan intercambiar información.
“Desexamos que con esta nova web se nos coñeza mellor, que as nosas propostas sexan coñecidas en Internet e tamén para espallar as nosas alternativas para saír da situación de crise actual”, concluíu Carme Adán.



08/05/12

Convención nacional do BNG

En Bloque, podemos. En Galiza, hai alternativa!


O Bloque Nacionalista Galego vai celebrar unha Convención Nacional co obxectivo de presentar, diante das vindeiras Eleccións Galegas, os eixos principais das nosas alternativas políticas e a Candidatura do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza.

A Convención terá lugar o domingo 13 de maio, ás 12 da mañá, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela (San Lázaro).


05/05/12

Non aos recortes no ensino público

O BNG vén de participar na constitución da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, integrada por distintas entidades representativas da comunidade educativa galega, para responder ás medidas que o Partido Popular está a impulsar contra este servizo público esencial.

Neste enlace http://plataformagalegadefensaensinopublico.blogspot.com/ podes acceder a toda a información sobre a Plataforma. En particular pódense facer adhesións individuais e colectivas á mesma, así como coñecer o manifesto coas principais demandas.

O martes 8 de maio a Plataforma convoca mobilización en distintos puntos de Galiza:
  • Santiago de Compostela: Praza do Toural, ás 19:30 horas.
  • Ferrol: Diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, ás 19:30 horas.
  • Ourense: Xefatura Territorial de Educación, Rúa Concello 11, ás 19:30 horas.
  • Vigo: Rúa Príncipe, diante do MARCO, ás 19:30 horas.
  • A Coruña: Praza de Pontevedra, ás 19:30 horas.
  • Pontevedra: Praza da Peregrina, ás 19:30 horas.
  • Lugo: Edificio Administrativo da Xunta de Galiza (Ronda da Muralla), ás 19:30 horas.
  • A Guarda: Praza do Reloxo, diante da Casa do Concello, ás 19:30 horas.
  • Verín: Praza do Concello, ás 19:30 horas.
  • Vilagarcía de Arousa: Praza de Galiza, ás 19:30 horas.
  • Foz: Praza de Galiza, ás 19:30 horas.
  • Ribeira: diante do Concello, ás 20 horas.

Asiste!

actuemos!
é tempo de respostas