23/06/12

O Concello privatiza as actividades deportivas

O BNG denuncia que o Concello de Gondomar pretende privatizar as actividades deportivas


O BNG de Gondomar tivo coñecemento estes días de que o goberno municipal presidido polo PP e integrado tamén por dous concelleiros do CDL está considerando a privatización das actividades deportivas que viu ofertando estes anos.

Trátase, entre outras, das actividades de multideporte, patinaxe, taekwondo, ximnasia de mantemento, ximnasia suave para maiores, tenis ou iniciación ao deporte polas que os usuarios veñen aboando uns 70 euros anuais.

Baixo o pretexto de que se trata dunha decisión política que vén "de arriba" e que as actividades producen perdas económicas, a Concellaría de Deportes comunicoulles aos monitores coincidindo co remate das actividades que para continuar na actividade terían que constituírse en empresa. A intención do Concello é privatizar a xestión, entregando as actividades a unha empresa que, loxicamente, ten ante todo afán de lucro.

O BNG denuncia que a privatización das actividades terá como primeira consecuencia o cese dos monitores actuais, que veñen realizando o seu traballo desde hai varios anos mediante contratos a tempo parcial, e que agora se verán sen esta parte do seu salario. É dicir, produce desemprego. Ademais o BNG denuncia as formas en que isto se comunicou, no último momento, rematadas as actividades, coa intención de evitar unha resposta social por parte das e dos traballadores afectados e dos usuarios das actividades, que xa se queixan de que perden os seus monitores cos que están especialmente contentos.

Por outro lado a privatización do servizo xera moitas preguntas:
  • Vanse manter os parámetros de calidade das actividades?
  • Vanse reducir os salarios das e dos monitores, ao ser unha empresa a intermediaria e ter como obxectivo obter beneficios que poden saír, como xa ten sucedido, da redución dos salarios das e dos traballadores?
  • Pode incidir esta privatización no incremento de prezos da actividade para as e os usuarios?

O BNG de Gondomar oponse a este intento de privatización e dirixirase á Concellaría de Deportes para reclamar que se manteña a oferta de actividades deportivas mediante xestión directa do concello, mantendo no seu posto aos actuais monitores e garantindo que non se incrementarán os prezos para os usuarios. A Concellaría de Deportes e o Goberno municipal de Gondomar deben asumir que as actividades deportivas son un servizo á cidadanía e como tal debe ser ofertado, con garantías de calidade e acceso para todas e todos.


21/06/12

A favor da Banca Pública Galega

O BNG rexistra no Concello de Gondomar unha moción a favor da Banca Pública Galega e dun referendo sobre o rescate


O BNG de Gondomar considera que o que se vai rescatar, en realidade, son os bancos, únicos beneficiarios desta operación, e quen vai pagar a factura da operación, en forma de xuros e de novos recortes no seu benestar, é o conxunto da sociedade. E ademais vai significar a destrución do sistema financeiro galego.

A única alternativa para salvar o aforro galego e impedir que sexa espoliado por entidades foráneas é a aposta pola Banca Pública Galega, instando á Xunta de Galiza a que demande do Estado a transferencia da participación que o FROB detenta en NGB.

No BNG queremos que se rescate ás miles de persoas afectadas pola estafa das preferentes, así que con esta moción tamén demandamos unha solución para elas. Solución que non pode ser outra que a da restitución até o último céntimo de todos os seus aforros. Se hai 100.000 millóns de euros para rescatar a banca, debe haber, de existir vontade política, capacidade económica máis que de abondo para devolver o estafado ás vítimas desta xigantesca fraude.

A depuración das responsabilidades ás que houber lugar polo enorme burato deixado na economía polos xestores do sistema financeiro atopa tamén acomodo na moción do BNG que demanda a creación de comisións de investigación no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados. Até agora foron vetadas por un PP que claramente ampara os responsábeis dunha catástrofe financeira que, rescate á marxe, xa lle ten custado ao contribuínte 118.000 millóns de euros (máis de dúas veces o PIB galego!!!).

A moción tamén se preocupa do impacto que a nova reestruturación financeira imposta polo rescate vai ter no cadro de persoal de Novagaliciabanco e na atención aos veciños e veciñas, sobre todo da zona rural. Neste sentido, o BNG demanda a adopción de medidas políticas que permitan que non se destrúa nin un só posto de traballo máis no sistema financeiro galego e se preste atención adecuada aos clientes.


A nova nos medios:

16/06/12

O Concello de Gondomar desprotexe o galego

O BNG de Gondomar critica que a proba de galego non teña carácter eliminatorio para o acceso a postos de traballo na Administración pública do Concello de Gondomar


Para o BNG de Gondomar, no acceso a postos de traballo na Administración pública débese esixir a demostración de competencia no uso da nosa lingua. Desde este punto de vista, o BNG entende que as probas, ou unha parte delas, deberían realizarse en galego. En todo caso, ao BNG non lle parece correcto que a proba de galego non teña o mesmo carácter eliminatorio có resto das probas.

O Concello de Gondomar convocou por medio do Boletín Oficial da Provincia dúas prazas temporais, unha delas de Arquitecto/a superior, en posto interino para cubrir a baixa do titular, e outra de Traballador/a Social, cun contrato de 12 meses. En ningún dos dous casos a proba de galego é eliminatoria. Que a proba de lingua galega, consistente nunha tradución de castelán a galego ou viceversa, sexa derradeira proba, despois de aprobar as anteriores, e que non teña carácter decisivo na realización das probas, réstalle utilidade, converténdoa nun mero trámite que non ten ningún tipo de validez.

Para o BNG este feito impide comprobar que as e os aspirantes estean en condicións de atender ás veciñas e os veciños na nosa lingua que, en Gondomar, segue sendo maioritaria entre as persoas adultas, polo que non se garante o noso dereito a sermos atendidos no noso idioma.

Por outro lado, o BNG non entende a brevidade dos prazos establecidos: dez días naturais, uns prazos especialmente curtos que non favorecen que as persoas interesadas poidan acceder a esta oferta. Prazos tan reducidos préstanse a que acaben por presentarse soamente as persoas que teñen a fortuna de seren avisadas.

13/06/12

Conversa co BNG en Gondomar

O BNG de Gondomar convoca asemblea aberta en Gondomar


O BNG de Gondomar convoca unha asemblea aberta en Gondomar este venres 15, ás 20:30 h. na Casa da Cultura.

Co título de Conversa co BNG, o BNG de Gondomar convoca ás veciñas e veciños de Gondomar para presentar o seu Consello Local e dar conta das liñas de traballo seguidas nestas semanas. Con este acto péchase a rolda de encontros parroquias iniciada o 14 de maio. Nestas conversas o BNG presentou o novo Consello Local integrado por Álvaro Lores, responsábel local, Marta Dacosta, Bieito A. Lobariñas e Ana Bringas

Nos encontros realizados o BNG recibiu o apoio das veciñas e dos veciños de Gondomar e recolleu as súas preocupacións e propostas.

O BNG de Gondomar convida a todas e a todos a que acudan a estes encontros, en que o BNG dará conta do traballo realizado e recollerá as preocupacións da veciñanza.


A nova nos medios:

Conversa co BNG en Vincios

O BNG de Gondomar presenta o Consello Local en Vincios


O BNG de Gondomar presenta o seu novo Consello Local en Vincios este mércores día 13, ás 21:00 horas no Centro Cultural.

Co título de Conversa co BNG, o BNG de Gondomar convoca ás veciñas e veciños de Vincios para presentar o seu Consello Local, integrado por Álvaro Lores, responsábel local, Marta Dacosta, Bieito A. Lobariñas e Ana Bringas.

O BNG de Gondomar convida a todas e a todos a que acudan a estes encontros, en que o BNG dará conta do traballo realizado e recollerá as preocupacións da veciñanza.

A nova nos medios:

11/06/12

Contra o rescate bancario

O BNG convoca concentracións contra o rescate bancario


O BNG convoca concentracións para mañá martes 12 de xuño contra o rescate bancario nas seguintes cidades e vilas de Galiza:

- A Coruña, ás 20 h., no Obelisco
- Santiago de Compostela, ás 20 h, na Praza de Cervantes
- Ferrol, ás 20 h, diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza (Praza de España)
- Ourense, 19:30 h, diante da Subdelegación do Goberno
- Pontevedra, ás 20 h, na Peregrina
- Lugo, ás 20 h, na Praza Armanyá, diante da subdelegación do goberno
- Vigo, ás 20 h, no Marco
- A Estrada, ás 21 h, na Praza do Concello
- Burela, ás 20:30 h, na Praza da Mariña
- Vilagarcía de Arousa, ás 20 h, na Praza de Galiza



En defensa dos Montes Veciñais

O BNG de Gondomar participou na Manifestación do 9 de xuño en Compostela en defensa dunha Lei de Montes respectuosa cos Montes Veciñais


A Mancomunidade de Montes do Val Miñor e as CCMM estiveron presentes e contaron coa presenza de comuneiros e comuneiras e da veciñanza en xeral en apoio do monte veciñal, para o que se desprazaron varios autobuses.

O BNG apoiou a manifestación e alí estivemos presentes na defensa dun medio rural vivo e sustentábel como alicerce estratéxico para Galiza.

Felicitamos a todas as persoas presentes neste acto e, sobre todo, á Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM), polo seu labor para concienciar á sociedade da necesidade do mantemento do monte veciñal, e por ter a iniciativa de convocar e encabezar unha mobilización para reivindicalo.



08/06/12

O PP usurpa a representación do BNG na Área Metropolitana

O BNG de Gondomar denuncia que a apropiación das actas por parte dos concelleiros que abandonaron a organización favorece ao PP que por este motivo ve incrementada a súa representación na Área Metropolitana


No pleno celebrado onte en Gondomar, aprobouse unha proposta do PP para nomear unha das súas concelleiras como segunda representante do concello de Gondomar na Área Metropolitana. Deste xeito o PP terá o 100% da representación de Gondomar nese organismo, cando de acordo cos resultados electorais ese segundo concelleiro ou concelleira lle corresponde ao BNG.

Mais o feito de que as persoas que abandonaron o BNG non entregaran as actas, tal e como está establecido estatutariamente no BNG e eles coñecían, e tal e como lles foi reclamado, non só priva o BNG da representación que lexitimamente lle corresponde no Concello e, neste caso, na Área Metropolitana, senón que favorece directamente ao PP.

No Pleno de onte a Alcaldía presentou un informe en que se concluía que ao non ter o BNG grupo municipal, pois os concelleiros electos por esta formación xa non integran este grupo, o segundo concelleiro na Área Metropolitana correspóndelle ao PP. Con este informe na man, o PP presentou a súa candidatura que resultou aprobada.

O BNG denuncia que a usurpación das actas obtidas nas eleccións municipais non só prexudica o BNG en canto á representación que lle corresponde e vulnera o espírito do voto do electorado, senón que prexudica o nacionalismo, pois, como onte se comprobou no Pleno de Gondomar, quen sae beneficiado é exclusivamente o PP que, neste caso, incrementa a súa representación na Area Metropolitana, unha representación que non se axusta ao resultado das eleccións municipais en Gondomar.

Desde o BNG tamén queremos sinalar que esta non é unha consecuencia sobrevida, senón que é unha consecuencia previsíbel e coñecida por todas as partes.


04/06/12

Conversa co BNG en Chaín, Peitieiros e Donas

O BNG de Gondomar presenta o seu Consello Local en Chaín, Peitieiros e Donas


O BNG de Gondomar vai celebrar esta semana tres novos encontros abertos coas veciñas e os veciños, desta volta nas parroquias de Chaín, Peitieiros e Donas.

Co título de Conversa co BNG terán lugar tres encontros coa veciñanza das parroquias de Chaín, Peitieiros e Donas o próximo martes, mércores e venres, respectivamente. Nestes encontros será presentado o novo Consello Local integrado por Álvaro Lores, responsábel local, Marta Dacosta, vicerrresponsábel local, Bieito A. Lobariñas, responsábel de organización e Ana Bringas, responsábel de finanzas.

A primeira Conversa será o martes 5 de xuño ás 21 horas no Centro Cultural A Mercede de Chaín.

O mércores 6 de xuño, tamén ás 21 horas, terá lugar o encontro cos veciños e veciñas de Peitieiros no seu Centro Cultural.

E o venres 8 de xuño, á mesma hora, o encontro será en Donas, no Centro Cultural desta parroquia.

O BNG valora moi positivamente os encontros realizados, nos que as veciñas e os veciños se interesan pola actividade que está a desenvolver a organización e trasladan as súas preocupacións sobre a situación política de Gondomar e tamén propostas de actuación local. Son encontros distendidos nos que o diálogo é o elemento central.

O BNG de Gondomar convida a todas e a todos a que acudan a estes encontros, en que o BNG quere escoitar e recoller as preocupacións da veciñanza.


A nova nos medios: