08/06/12

O PP usurpa a representación do BNG na Área Metropolitana

O BNG de Gondomar denuncia que a apropiación das actas por parte dos concelleiros que abandonaron a organización favorece ao PP que por este motivo ve incrementada a súa representación na Área Metropolitana


No pleno celebrado onte en Gondomar, aprobouse unha proposta do PP para nomear unha das súas concelleiras como segunda representante do concello de Gondomar na Área Metropolitana. Deste xeito o PP terá o 100% da representación de Gondomar nese organismo, cando de acordo cos resultados electorais ese segundo concelleiro ou concelleira lle corresponde ao BNG.

Mais o feito de que as persoas que abandonaron o BNG non entregaran as actas, tal e como está establecido estatutariamente no BNG e eles coñecían, e tal e como lles foi reclamado, non só priva o BNG da representación que lexitimamente lle corresponde no Concello e, neste caso, na Área Metropolitana, senón que favorece directamente ao PP.

No Pleno de onte a Alcaldía presentou un informe en que se concluía que ao non ter o BNG grupo municipal, pois os concelleiros electos por esta formación xa non integran este grupo, o segundo concelleiro na Área Metropolitana correspóndelle ao PP. Con este informe na man, o PP presentou a súa candidatura que resultou aprobada.

O BNG denuncia que a usurpación das actas obtidas nas eleccións municipais non só prexudica o BNG en canto á representación que lle corresponde e vulnera o espírito do voto do electorado, senón que prexudica o nacionalismo, pois, como onte se comprobou no Pleno de Gondomar, quen sae beneficiado é exclusivamente o PP que, neste caso, incrementa a súa representación na Area Metropolitana, unha representación que non se axusta ao resultado das eleccións municipais en Gondomar.

Desde o BNG tamén queremos sinalar que esta non é unha consecuencia sobrevida, senón que é unha consecuencia previsíbel e coñecida por todas as partes.