18/07/12

Supresión do copago farmacéutico a pensionistas

O BNG reclama do Concello de Gondomar que se posicione contra o copago farmacéutico


O BNG de Gondomar presentou hoxe no Rexistro do Concello unha moción para que o Concello reclame da Xunta de Galiza o desenvolvemento dunha normativa propia, en virtude das competencias sanitarias que lle atribúen as leis galegas e o Estatuto de Galiza, que reduza o impacto da medida imposta polo Goberno do Estado nas economías familiares galegas e suprima o copago farmacéutico para as persoas pensionistas.

O pasado 1 de xullo entrou en vigor o novo copago farmacéutico imposto polo Goberno do Estado que incorpora ao copago a máis de 725.000 pensionistas e aumenta as achegas de centos de miles de persoas activas.

O BNG xa manifestou que o copago farmacéutico é un sistema inxusto e insolvente. Quedan fóra de financiamento medicamentos fundamentais que non teñen alternativa en Galiza, nin nas farmacias nin nas distribuidoras. Esta medida tivo xa a primeira consecuencia, pois persoas con tratamentos crónicos deixaron de retirar a súa medicación pola imposición deste copago.

A día de hoxe, moitas persoas xubiladas con pequenas pensións comprobaron xa como lles afecta este recorte, pois terán que pagar entre 8 e 18 euros polas súas medicinas. A pensión media das galegas e os galegos non acada os 800 € (166 € menos que a media española) e con estes ingresos deben aínda facer fronte ao pago das medicinas, persoas que levan toda a súa vida traballando e cotizando para acadar as mellores condicións de xubilación posíbeis.

O BNG reclama outra xestión sanitaria, que non se centre en recadar das persoas enfermas senón en atendelas dignamente, nunha sanidade que sexa un elemento de redistribución de riqueza e que sexa financiada suficientemente dende os impostos. O Goberno galego está a tempo de rexeitar estas medidas retrógradas e insolventes impostas polo PP dende o Goberno do Estado.

E por isto que o BNG de Gondomar presentou esta moción e solicitou que sexa tratada no vindeiro pleno do Concello. Desde o BNG agardamos que o Pleno da Corporación municipal teña a sensibilidade de recoller e tratar esta proposta, pois son moitas as e os gondomarenses que se vén gravemente afectados por esta medida.



A nova nos medios:

16/07/12

Declaracións de Jorquera na festa do Día da Patria

Francisco Jorquera reclama en Gondomar o noso dereito a decidir sobre sectores fundamentais coma a pesca ou o naval


O BNG celebrou este domingo 15 de xullo, ás 18:30 horas na Alameda de Gondomar, a Festa do Día da Patria coa asistencia de centos de persoas. O acto iniciouse coa benvida do Responsábel local, Álvaro Lores, aos asistentes. A continuación interveu Manuela Rodríguez, Responsábel comarcal do BNG, quen deu a palabra a Francisco Jorquera, candidato do BNG á Xunta de Galiza e portavoz no Congreso dos Deputados. Na súa intervención Francisco Jorquera cualificou de insulto ás persas paradas que o Goberno do Estado rebaixase as prestación por desemprego. Jorquera sinalou tamén a rebaixa das pensións, nun país como Galiza que xa cobra as pensións máis baixas do Estado, denunciando que esta crise é o mellor pretexto para impor un modelo económico sustentado no recorte de dereitos ás traballadoras e aos traballadores.

O candidato á presidencia da Xunta polo BNG criticou que non se defendan os dereitos dos pequenos aforradores embaucados polos bancos, uns bancos que non están cumprindo coa súa función de financiar as empresas galegas, sendo as máis prexudicadas as pequenas empresas e as persoas autónomas. Neste sentido sinalou o prexuízo que lles vai crear o incremento do IVE, un imposto absolutamente inxusto, que todas e todos pagamos, independentemente dos nosos recursos. Por iso defendeu a existencia dunha fiscalidade progresiva que grave máis a quen máis ingresa, sinalando que as cifras que se pretenden aforrar cos recortes aos traballadores da Administración, o incremento de impostos, a redución da prestación por desemprego, a rebaixa das pensións, etc. equivalen ás cifras do fraude fiscal, sobre o que se segue sen actuar.

Francisco Jorquera manifestou que os recortes afectarán gravemente ás Comunidades autónomas que acabarán por facer recortes en Sanidade e Educación para cumprir co obxectivos de déficit que lle marca o goberno central. Neste sentido, Jorquera reclamou que Feijoo non actúe de maneira submisa e que faga oír a voz de Galiza.

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados declarou que “cómpre recuperar o sentido ético da política” e sinalou que se poden e se deben facer políticas diferentes, pensando no pobo. Así, e tendo presente o lema deste 25 de xullo: “Rescatemos os nosos dereitos”, Jorquera fixo fincapé na necesidade de rescatar soberanía para decidirmos sobre os noso recursos e a súa xestión, para negociar as galegas e os galegos directamente sobre a nosa pesca ou a nosa industria do naval.

Jorquera rematou a súa intervención animando ás e aos presentes a acudir á manifestación do 25 de xullo para loitar por recuperar os nosos dereitos.

O acto rematou cuns petiscos e a actuación do grupo de Música Tradicional Zurrumalla. Na festa en Gondomar estiveron presentes os concelleiros do BNG de Baiona, Nigrán, Redondela e Vigo e os deputados do BNG Carme Adán e Henrique Viéitez, así como numerosos militantes e simpatizantes da comarca e veciñas e veciños de Gondomar.

13/07/12

Novo centro de saúde

O BNG de Gondomar esixe a xestión pública ao 100% do novo centro de saúde


Hoxe transcendeu aos medios de comunicación que o Consello da Xunta de 29 de xuño informou da licitación de 15 novos centros de saúde, entre os cales se atopa o de Gondomar, que xa fora anunciado durante o goberno bipartito e, tras a chegada do PP ao goberno da Xunta, quedou postergado sen se saber cando se iniciarían as obras, malia ter posto o BNG, no seu día, os terreos a disposición da Xunta.

A Xunta de Galicia informou de que a licitación dos “15 novos centros de saúde e a ampliación do Hospital do Salnés suporá un investimento total de 41,5 millóns de euros, dos cales 11 millóns corresponde administración autonómica e o resto a fondos FEDER e fondos AGADER”. A previsión é que se licite en xullo o expediente de contratación, podendo presentarse as ofertas até a primeira semana do mes de setembro.

O BNG de Gondomar esixe que o Centro de Saúde sexa 100% público, e que non se adopte o modelo privatizador seguido para a construción e posta en funcionamento do Hospital de Vigo.

Por outro lado, agarda que este anuncio sexa unha realidade e non unha manobra electoralista pensada de cara a unha vindeira convocatoria de elección.


12/07/12

Festa polo Día da Patria

Festa polo Día da Patria na Praza da Alameda da Vila de Gondomar


O domingo 15 de xullo ás 18:30 celebraremos unha Festa polo Día da Patria na Praza da Alameda da Vila de Gondomar tomando uns petiscos e un viño e coa música de Zurrumalla. Estará tamén connosco Francisco Jorquera, portavoz no Congreso e candidato á Xunta de Galiza.

Estades tod@s convidad@s!



A nova nos medios:

A implantación da taxa do lixo


O BNG denuncia a pouca sensibilidade do goberno municipal na implantación da taxa do lixo na actual situación económica


O Bloque Nacionalista Galego lamenta que o Pleno do Concello de Gondomar non tivese en conta ningunha das mocións que leva presentado no rexistro do Concello


Nas últimas semanas, o BNG de Gondomar presentou por rexistro tres mocións dirixidas ao Pleno do Concello: unha moción a prol dunha banca pública galega e para reclamar a realización dun referendo sobre o rescate; outra para reclamar que non se privatice a xestión das actividades deportivas, e unha terceira para reclamar que non se supriman unidades no ensino público.

Porén, o Pleno do Concello de Gondomar non tivo en conta ningunha destas mocións e, deste xeito, na súa xuntanza do pasado xoves nin debateu nin se pronunciou sobre un rescate que é un roubo para o pobo e que tantas consecuencias negativas vai ter para a cidadanía. Tampouco houbo debate sobre as supresións de unidades no ensino, que en Gondomar afectan aos colexios de Donas e Peitieiros, sen que aínda se coñezan os datos de Secundaria, onde se pode prever unha redución de profesorado. Finalmente, non se tivo en conta a moción do BNG contra a privatización da xestión das actividades deportivas, algo que ten consecuencias nefastas para as persoas que realizaban este traballo, pois poden resultar despedidas, e para a propia cidadanía ante a hipótese de que a privatización da xestión dea lugar a un encarecemento da actividade.

No Pleno tratouse, ademais, a implantación da taxa do lixo. O BNG de Gondomar denuncia que o goberno municipal non tivese a sensibilidade de establecer pagos fraccionados e aplicar tarifas reducidas nas vivendas con todos os seus membros no desemprego. Por outro lado, o BNG esixirá o cumprimento estrito da normativa no relativo á dotación de colectores, e reclamará unha campaña de información e o incremento de colectores para a recollida selectiva e dotación de colectores para pilas e aceite no centro da vila e noutras localidades, pois neste momento soamente se poderían depositar no punto limpo. O BNG tamén lamenta que non se modificase a proposta levada ao pleno para establecer uns prazos de aboamento da débeda, cando se produza un impago.

O BNG seguirá reclamando que se leven ao Pleno todos os temas que entenda que son de interese para a cidadanía e solicitará que se conceda a palabra a un/ha representante do BNG, para tratar os temas presentados.



04/07/12

Contra a supresión de unidades escolares

O BNG de Gondomar presentou unha moción contra a supresión de unidades escolares no ensino público


O BNG de Gondomar presentou hoxe por rexistro unha moción para que o Concello de Gondomar adopte os seguintes acordos:

1. Que non se agrupe na mesma unidade alumnado de Educación Infantil e de Educación Primaria.
2. Que se doten os centros de ensino do persoal e dos recursos necesarios para a atención do alumnado con necesidades educativas especiais.
3. Que a Consellaría de Educación modifique a súa política educativa e garanta unha educación pública de calidade, dotando aos centros de ensino público do profesorado necesario para unha educación pública en condicións, e con especial atención aos concellos do rural.

O motivo polo que o BNG presenta esta moción é a decisión da Xunta de Galiza de suprimir aulas e realizar agrupamentos entre alumnado de diferentes niveis, ciclos ou mesmo etapas levándonos a un retroceso de máis de trinta anos, que impide incluso a conciliación da vida laboral e familiar de nais e pais. Esta medida está a ser respondida pola comunidade educativa e pola sociedade galega por resultar nociva para a educación pública e mortal no medio rural, pois a redución de aulas ou a desaparición de colexios contribúe ao seu despoboamento.

O goberno do PP na Xunta de Galiza impón medidas sen diálogo, mostrando a meirande insensibilidade, sen buscar solucións nin procurar alternativas, agás as que supoñen a desaparición do benestar e das condicións de vida de galegos e galegas que tiñan ganado até agora. Fai días morreu Preescolar na Casa, innovador, adaptado e sostíbel na realidade rural galega, sen que a Xunta movese unha pestana para salvalo, e agora tócalle a educación en xeral coa supresión de aulas de infantil, primaria e secundaria.

Na provincia de Pontevedra, a día de hoxe, 37 son as aulas suprimidas, algunhas delas no concello de Gondomar, sobre o que aínda non hai datos definitivos, pois a Consellaría oculta os datos de Secundaria; pero estes datos, poden verse incrementados unha vez que nos próximos días vaian aparecendo no Diario Oficial de Galiza as resolucións da Xunta.

A educación pública é o a única garantía da igualdade de oportunidades, por iso o investimento educativo é a ferramenta para pór os alicerces para a mellora social, sendo ademais un dos medios para saír da crise económica que vivimos.

En Galiza a educación pública xa sufriu un retroceso significativo desde 2009 logo da ocupación da Xunta polo PP e debido a súa política educativa de recortes e falta de atención e mentres isto sucede no ensino público increméntanse as unidades concertadas paras os centros privados e as subvencións encubertas para os mesmos ao tempo que se reducen as bolsas para o alumnado, as axudas aos comedores escolares, ao transporte escolar ou a eliminación de profesorado.